O proxecto nace dunha exploración da herdanza e o legado do meu avó, que traballou como proxectista naval durante o auxe e caída do sector en Vigo nas décadas dos 60, 70 e 80. Tras 40 anos, os seus planos e documentos permanecían esquecidos en caixas enmohecidas, símbolos dunha industria en declive.
Nesta colección, o desenvolvemento gráfico inspírase nos seus planos, anotacións e documentos técnicos, dando forma a grandes siluetas que reflicten o seu estilo. A investigación téxtil céntrase en técnicas de impermeabilización, tintado e envellecemento de tecidos e las, recreando texturas que evocan a esencia naval. Este proxecto é unha conexión íntima coa súa memoria, unha homenaxe á súa estela no mundo e unha forma de mantelo presente no meu traballo creativo.