A estética do “obreiro” ou albanel serve como punto de partida para RE-WORKED, non só como alguén que constrúe edificios e reforma vivendas, senón como alguén que se constrúe a si mesmo. A liña industrial dá lugar a un vestiario masculino e unisex, con traxes versátiles que priorizan a comodidade e a utilidade. A combinación de materiais como a sarga, o denim, o nylon, a la fría, o popelín e o caucho resulta nunha colección inusual que xoga coas siluetas, a superposición de tecidos e o desgaste das pezas. O proceso creativo caracterízase pola inspiración na cotiandade e a experimentación con conceptos illados susceptibles de ser readaptados e introducidos na temática do proxecto.