Este proxecto explora o auxe e caída das mulleres da clase alta norteamericana dos anos 30, que, tras unha vida de privilexios, enfrontan nos 50 a ruína e o desencanto. O envellecemento, as guerras e os soños frustrados levan a estas mulleres a atopar na moda unha vía de escape ao puritanismo da súa educación. A investigación aliméntase da estética e carácter de figuras como Tallulah Bankhead e Blanche DuBois, de Tennessee Williams, e dos “cisnes” de Truman Capote, contrastándoas con historias actuais como as de Britney Spears e Lana del Rey. Inspirada tamén en personaxes inesquecibles como Little Edie e Iris Apfel, esta colección busca resignificar e transformar prendas e obxectos antigos a través de capas e modelados que revelen unha estética caótica e decadente. Elementos do Hollywood dos anos 50 e películas como Whatever Happened to Baby Jane? e Sunset Boulevard ofrecen un trasfondo que enriquece este universo de opulencia desvanecida e luxo desposuído.