O proxecto explora o aire a través de pezas inspiradas no voo e no paracaidismo, ademais de estruturas de protección como os chalecos salvavidas. Estrutúrase arredor das contraposicións entre voar e caer, flotar e afundirse, inflarse e desinflarse, analizando como estas tensións transforman o corpo e a súa relación coa contorna. A proposta materialízase nunha colección de once estilismos para home e muller, na que se experimenta con volumes de guata e gomaespuma, tecidos de nailon e cordón técnico, que actúa como fío condutor. A funcionalidade abórdase mediante pezas de roupa reversibles, desmontables e intercambiables, concibidas para adaptarse ao movemento e propoñer distintas formas de interactuar co aire: protexerse, impulsarse ou gañar velocidade.


